Tuesday 14 de May de 2024

A Deputación da Coruña instalará novo céspede e beirarrúas no Campo de Fútbol de San Sadurniño


A actuación inclúe un novo valado ao longo de todo o perímetro do campo e novas porterías

A Deputación da Coruña aprobou no último pleno un novo proxecto no Concello de San Sadurniño, desta volta, no campo de fútbol de Corrás. En concreto, achegará o 100% do custe dun novo céspede artificial para este recinto deportivo, que ascende a 340.224,41 euros.

A actuación consiste en retirar o céspede natural e substituílo por outro artificial de máxima calidade e dunha superficie de 92×57 metros. Así mesmo, o proxecto inclúe a execución de beirarrúas de formigón de 1,5 metros ao longo de todo o perímetro do terreo de xogo, excepto na banda das bancadas, onde terá un ancho superior, de 2,5 metros.

Ademais, por motivos de seguridade e para evitar a entrada de público no campo, vaise instalar tamén un valado a unha altura de 0,90 metros. Os postes e os pasamáns serán de aluminio. Por último, instalaranse novas porterías fixas e outras catro abatibles para fútbol 7.

Con esta reforma, a Deputación pretende deixar nas mellores condicións este campo e colaborar así, unha vez máis, co concello, que leva recibidos xa dous millóns de euros procedentes da institución provincial nos últimos tres anos.

Entre os investimentos realizados con fondos provinciais destacan, por exemplo, os 85.000 euros (preto do 80%) necesarios para adecuar o edificio da escola infantil, os 400.000 euros para a rehabilitación do Pazo da Marquesa ou os 100.000 euros para as obras de conservación da igrexa de Santa María e o convento do Rosario.

Ademais, este ano o municipio poderá levar a cabo novos investimentos grazas aos 207.312,73 euros que recibirá do PAI (Plan de Aforro e Investimentos).